Loading...

FORMACIÓN CEESG

Convivencia formativa SEAF 2024


Os SEAFs (Servizos de Educación e Apoio Familiar) forman xa servizo consolidado dende hai anos nos distintos concellos de toda Galicia.

Dende o Ceesg levamos tempo desenvolvendo formación especializada que xere un tecido colaborativo e participativo entre as profesionais da Educación Social dos SEAFs.

É preciso xerar e manter unha rede profesional que active a mellora continua deste servizo a través de prácticas innovadoras e participativas tal e como promove a normativa galega en materia de servizos sociais.

Inicíase este evento formativo co apoio da Dirección Xeral Familia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia no ano 2023. Este 2024 mantense esa colaboración co obxectivo de seguir priorizando os SEAF como recurso de apoio ás familias dentro dos Servizos Sociais Comunitarios dos concellos de Galicia.

O formato convivencial ten a finalidade de reforzar a rede de Educadores/as Sociais dos concellos de Galicia apostando por unha liña de coordinación e autocoidado efectiva e baseada na sororidade e coidado profesional asi como dunha rede de profesionais que se recoñezan entre si e favoreza o benestar profesional .

A asistencia durante toda a formación convivencial é obrigatoria atendendo aos obxectivos da convivencia.

Datos básicos do curso

  • DATAS E HORARIOS: 15 e 16 de maio
  • DURACIÓN: 15 todo o día (con pernocta) e 16 ata o xantar
  • LUGAR: Residencia de Tempo Libre de O Carballiño
  • MODALIDADE: Convivencial (presencial con pernocta)
  • PERSOAS DESTINATARIAS: Educadoras Sociais dos Servizos de Educación e Apoio Familiar dos Servizos Sociais Comunitarios de Galicia. As traballadoras dos SEAF e Servizos Sociais que non estén en posesión da diplomatura ou grao en Educación Social pasan a unha listaxe de agarda no momento en que se inscriben e serán chamadas por orde de inscrición ocupando as prazas que queden dispoñibles.
  • COTA MATRÍCULA: 36 €. Cubre os gastos de estancia por profesional (aloxamento e 4 comidas) e os materiais.
  • DATA LÍMITE INSCRICIÓNS: 1 de maio.
  • DIPLOMA: Expedirase certificación por 20 h de formación.

A intencionalidade é fortalecer o traballo en rede das profesionais de Educación Social dos distintos concellos de Galicia, polo que a xuntanza debe ser presencial e convivencial. Debe ser unha oportunidade para compartir coas/os compañeiras/os, un espazo para o intercambio de impresións e experiencias, para xerar redes e sinerxias, para facer achegas, un espazo participativo reclamado con insistencia polas asistentes da primeira edición.

Obxectivos
  • Xerar rede entre as Educadoras Sociais dos SEAFs.
  • Favorecer un marco formativo para as Educadoras Sociais dos SEAFs.
  • Intercambiar propostas de acción socioeducativa que se levan a cabo nos distintos concellos de Galicia a través dos SEAFs.
  • Presentar a proposta de díptico informativo para as persoas usuarias dos SEAFs elaborada a partir das achegas das participantes no encontro do ano pasado.

 

Contidos
  • Incorporando a perspectiva feminista na Educación Social. Presentación do libro «Son de Fiar».
  • Palestra: Os SEAF, espazos xeradores de tempo de lecer de calidade nas familias.
  • Formación: Aplicacións sistémicas da teoría polivagal no eido socioeducativo.
  • Formación: Espazo de Autocoidado.
  • Espazo Conecta.
  • Xantares convivenciais.

MÉRCORES 15 DE MAIO

10.00 Mesa inaugural.
  • Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
  • Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
10:30. «Son de Fiar. Incorporando a perspectiva feminista na Educación Social»

Presentación do libro como material pedagóxico enmarcado na acción educativa que se leva a cabo dende os concellos  ou outras entidades próximas á cidadanía.

11:30. Pausa para café e espazo convivencial.
12:00. Palestra: os SEAF, espazos xeradores de tempo de lecer de calidade nas familias.

Coa participación de Laura Varela (Universidade de Santiago), Saleta Fontaíñas (Concello de Carballiño) e Sonia González (Ceesg e Concello de Arteixo).

13:00. Pausa para café e espazo convivencial.
14:00. Xantar convivencial.
16:00. Aplicacións sistémicas da teoría poligaval no eido socioeducativo (I).

Unha formación específica sobre como rescatar as narrativas de seguridade que quedan subxugadas polo sufrimento. Os síntomas e as “psicotrampas” nas que todas as persoas somos susceptibles de caer.

20:00. Cea convivencial.
21:00. Espazo de autocoidado (I)

A incorporación de rutinas de autocoidado son clave para mellorar a calidade de vida e previr enfermidades, tanto físicas como mentais (ansiedade, depresión, entre outros). Isto favorece o restablecemento da saúde e empodera á persoa, dándolle máis recursos e control sobre a situación que está a manexar, como podemos coidar aos demais se non somos capaces de coidarnos a nós mesmas. Aprender a coidarse é unha forma de mellorar a relación cun mesmo, implica coñecerse mellor e saber que prácticas e intereses abonan á propia saúde.

XOVES 16 DE MAIO

8:30. Almorzo convivencial.
9.30. Espazo de autocoidado (II).
10:30. Aplicacións sistémicas da teoría polivagal no eido socioeducativo (II)
12:30. Espazo Conecta.

Unha oportunidade de compartir cas/os compañeiras/os; un espazo para o intercambio de impresións e experiencias, para xerar redes e sinerxias.
Presentación de propostas de acción e mantemento da rede de SEAF nos distintos territorios.

11:30. Presentación das conclusións e peche das xornadas
  • Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
  • Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Docentes

Gorka Saitua

Gorka Saitua. Pedagogo e Orientador familiar, basea a súa praxe, sobre todo, na teoría sistémica estructural-narrativa, a teoría do apego e a neurobioloxía interpersonal; aínda que tamén “picotea” de outras fontes. Convencido do poder protector e reparador do  bo trato, un concepto complexo que vertebra todo o seu traballo como formador.

Naiara González Fontenla

Naiara González Fontenla (Colex. 3546) Educadora Social impulsora e creadora de proxectos de transformación, adícase ao traballo con grupos a través de ferramentas (círculos de diálogo, Biodanza, comunicación afectivo-consciente ou a voz) que favorecen o cambio das persoas, dos vínculos que establecen entre elas e co seu entorno e o modo no que se viven a si mesmas.

Noelia Darriba García

Noelia Darriba García (Colex. 3879) Educadora Social, Psicopedagoga e Terapeuta Familiar, do grupo de traballo Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Máster en autocoñecemento, relacións humanas e sexualidade en Terapia do Reencontro e Máster Educación Sexual para a Saúde Comunitaria e Terapia Sexual en Terapia do Reencontro. Conta con formación específica en Educación Menstrual, Sexualidades, Disciplina Positiva, Feminismos, Violencia de Xénero, Prácticas Restaurativas, Igualdade ou Técnicas de Relaxación para a aula.

Sonia González Rodríguez

Sonia González (Colex. 3402) Diplomada e Graduada en Educación Social, Especialista en Intervención Familiar e en Mediación Familiar.  Conta con formación en intervención con persoas en situación de vulnerabilidade e violencia. Intervención familiar dende o Servizo de Educación e Apoio Familiar do concello de Arteixo. Docente – preparadora en prazas de Educación Social.  Actualmente é a Presidenta da Xunta de Goberno do Ceesg.

Laura Varela Crespo

Laura Varela (Colex. 3688) Educadora Social e Docente do grao na USC. Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese A Educación Social nas políticas públicas de benestar: programas, experiencias e iniciativas pedagóxico-socias nos servizos sociais comunitarios 2013. Investigadora do grupo SEPA-INTEREA da USC.

Saleta Fontaíñas Gómez

Saleta Fontaíñas (Colex. 5480) Educadora Social do concello de Carballiño. Integradora Social.

Inscricións

Cota única (inclue aloxamento, 4 comidase e materiais)

36

EUROS


  • Educadoras Sociais dos Servizos de Educación e Apoio Familiar dos Servizos Sociais Comunitarios de Galicia.
  • Persoal equipas técnicas do menor: representación provincial.

*Se quedaran prazas dispoñibles, estas poderían ser cubertas por persoal dos SEAF que non teñan o grao ou diplomatura en Educación Social.