Loading...

COLEXIACIÓN

Por que colexiarse?

Por compromiso coa profesión. A colexiación supón sumar no fortalecemento, visibilidade e defensa da Educación social. Supón contribuír nas accións que leven á profesión a unha mellora constante do seu recoñecemento de xeito colectivo, que sempre serán máis determinantes que calquera acción individual. Supón sumar contra a precariedade, o intrusismo e a falta de recoñecemento, aínda demasiado presentes na nosa profesión.

Por responsabilidade coa cidadanía. Colexiarse supón un compromiso ético para o desenvolvemento da profesión. Para a cidadanía, a colexiación supón un importante punto de confianza ao garantir que a/o profesional conta coa capacitación axeitada. Non hai que esquecer que o fin principal de calquera colexio profesional é garantir un traballo de calidade cara a cidadanía.

Para mellorar como profesional. O colexio é un espazo para a unión, para a mellora da práctica profesional, para definición e unificación de criterios de traballo, para intercambiar intereses e inquietudes, para o enriquecemento, para a axuda mutua, para a participación, para medrar como profesionais.

Lei 1/2001, do 22 de xaneiro, de creación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

Artigo 3:

  1. Poderán integrarse no Colexio de Educadores Sociais de Galicia os profesionais que estean en posesión do título de diplomado universitario en educación social, así como aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos na disposición transitoria segunda, logo da correspondente habilitación.
  2. Será requisito para exercela profesión de educador social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ó Colexio de Educadores Sociais de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta Comunidade.