Conclusións: II Xornadas: A escola, punto de encontro entre o profesorado e educadoras/es sociais
Xornadas organizadas por Nova Escola Galega e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
Estas II Xornadas, celebradas en xullo de 2006, constituíronse nun punto de encontro para reflexionar e debater acerca das achegas que dun xeito conxunto poden facer o profesorado e as/os profesionais da educación social a moitos dos retos, demandas e necesidades que van aparecendo na sociedade.
Un dos seus obxectivos era o de coñecer aquelas iniciativas e proxectos de traballo colaborativo, de apoio entre mestres/as, profesores/ as e educadores/as sociais que se estaban a desenvolver nas escolas galegas.
E tamén, analizar os novos interrogantes que se xeran neste contexto: que función pode desenvolver o/a Educador/a social na escola?, cal é a valoración que fan os diferentes profesionais das novas figuras profesionais que aparecen no seu contexto de traballo?, que valoración fan os colectivos de pais e nais desta realidade?, de que xeito pode desenvolverse este traballo colaborativo?, de que maneira pode afectar este escenario ás relacións interprofesionais?, como se pode articular a relación entre a escola e os diferentes ámbitos da Educación Social?…
Nesta publicación recóllense as conclusións da Xornada.
As diferentes experiencias e outros documentos relevantes relacionados coa temática foron recollidos posteriormente no libro ‘Educación Social e Escola’, coeditado entre o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e Nova Escola Galega.