Loading...

EDUCACION SOCIAL

A titulación

O título universitario de Educación Social creouse a través do Real Decreto 1420/1991, comezando a impartirse dende o curso seguinte nalgunhas universidades. No sistema universitario galego implantouse como diplomatura a partir do ano 1994. Coa modificación do sistema universitario, os estudos de Educación Social pasaron de ser diplomatura a ser título de grao.

Actualmente en Galicia pódese cursar o Grao de Educación Social nas seguintes Universidades:

A habilitación profesional

 

O nacemento do título académico universitario de Educación Social deu resposta á necesidade de formación específica en ámbitos de educación especializada, definindo así un perfil profesional que ata entón viñan desenvolvendo outras/os profesionais de disciplinas afíns. Estas e estes profesionais (educadoras/es especializadas/os, educadoras/es de persoas adultas, educadoras/es de menores, etc.) foron os que deron corpo e contido á profesión antes de existir a titulación universitaria, e recoñeceuse o seu dereito a seguir exercendo a profesión a través da habilitación profesional como educadoras/es sociais, tras a creación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

A día de hoxe, a habilitación profesional segue sendo válida a efectos profesionais (non ten efectos académicos), de xeito que as persoas habilitadas como educadoras sociais poden acceder ao emprego como tales no ámbito privado ou naquelas convocatorias de emprego público nas que se admita a súa condición.
O proceso de habilitación tivo unha duración en Galicia de un ano e medio, e xa está pechado.

Ámbitos e funcións

A educadora/educador social é unha figura indispensable no desenvolvemento de plans, programas e proxectos de acción socioeducativa, que pode traballar en diferentes contextos e con diferentes colectivos, sempre acompañando ás persoas cara a mellora do seu benestar.

As súas funcións profesionais veñen definidas de forma xenérica no Catálogo de funcións e competencias (Asedes, 2007), que conta co recoñecemento do Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales.

En canto á definición de funcións de xeito específico e a concreación dos ámbitos de traballo desta profesión, hai abundante bibliografía que afonda no tema, máis tomaremos aquí como referencia un traballo realizado polo Ceesg, no que se definen funcións para cada ámbito de traballo (Funcións das educadoras e educadores sociais por ámbitos de actuación. Ceesg, 2017). Non debe entenderse este conxunto de funcións como un listado taxativo e limitante, pois trátase dunha profesión dinámica que se renova e adapta aos novos contextos de intervención socioeducativa que poden xerarse na nosa sociedade.