Na práctica da Educación Social non abonda con saber que facer: tamén importa desde que lugar nos situamos, como interpretamos o sufrimento e que impacto ten a nosa propia presenza na relación de acompañamento.
Por iso, desde o CEESG presentamos dúas accións formativas complementarias dirixidas a profesionais da Educación Social que desexan incorporar novas ferramentas para comprender mellor os procesos de acompañamento, ampliar a súa capacidade de análise e coidar tamén da súa propia práctica profesional.
Podes matricularte en calquera dos dous cursos ou realizar o itinerario completo.
Aínda que para aproveitar mellor a segunda formación é recomendable ter realizado previamente a primeira, non é un requisito imprescindible.
As persoas que participaron no encontro de educadoras/es sociais dos SEAF do ano 2025 xa tiveron ocasión de achegarse á teoría polivagal da man do mesmo docente, mais atoparán nesta edición unha proposta de maior duración que permitirá integrar os contidos, afondar na reflexión e consolidar as aprendizaxes.
A formación impartirase en castelán.
Nesta formación descubrirás unha maneira diferente de comprender as condutas, as emocións e o sufrimento de nenas, nenos e adolescentes desde unha perspectiva sistémica, relacional e corporal.
Aprenderás a interpretar moitos dos síntomas que aparecen na intervención educativa non como problemas que eliminar, senón como estratexias de adaptación que teñen sentido dentro da historia e do contexto de cada persoa.
Tamén explorarás como o estado nervioso de quen acompaña inflúe na relación educativa e coñecerás ferramentas para favorecer procesos de regulación, seguridade e cambio.
A formación ten un carácter eminentemente experiencial. Os contidos teóricos combinaranse con exercicios prácticos, dinámicas de reflexión, experiencias corporais e análise de situacións reais que permitan integrar as aprendizaxes desde a propia vivencia.
O obxectivo non é acumular información, senón incorporar unha nova maneira de comprender e acompañar o sufrimento na práctica profesional.
A formación impartirase en castelán.
Esta formación propón deter a mirada sobre a propia práctica profesional para comprender como as nosas expectativas, a necesidade de recoñecemento, o desexo de axudar ou a procura de eficacia poden influír —sen sermos conscientes diso— nos procesos de acompañamento.
Desde unha perspectiva sistémica, narrativa e corporal, explorarás como determinadas posicións profesionais poden contribuír á cronificación do sufrimento e que movementos permiten abrir novas posibilidades de cambio.
Trátase dun espazo de supervisión, reflexión e aprendizaxe compartida orientado a fortalecer unha práctica profesional máis flexible, consciente e sostible.
A formación desenvolverase cun enfoque fundamentalmente experiencial e reflexivo. Alternaranse breves exposicións teóricas con exercicios individuais, dinámicas grupais, análise de casos e espazos de supervisión compartida.
A experiencia das persoas participantes constituirá o eixo central da aprendizaxe, favorecendo a aplicación directa dos contidos á práctica profesional.

Pedagogo e orientador familiar, cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da protección á infancia desde o ano 2002. Desenvolve o seu traballo desde unha perspectiva que integra a teoría sistémica estrutural-narrativa, a teoría do apego e a neurobioloxía interpersonal, promovendo unha mirada centrada nos bos tratos, na comprensión do sufrimento e na construción de relacións reparadoras.
É autor do proxecto Educación Familiar, desde o que desenvolve actividades de formación e divulgación dirixidas tanto a profesionais como a familias.
EUROS
Aplicacións sistémicas da teoría polivagal
EUROS
Demanda implícita profesional e fixación do sufrimento
EUROS
Aproveita o desconto por inscrición en ambos cursos