Loading...

O Ceesg

Quen somos

Asemblea Xeral

 

A Asemblea Xeral é o máximo órgano de goberno do Colexio e está integrada por todas as persoas colexiadas.

Reúnese como mínimo unha vez ao ano, para aprobar as memorias económica e de actividades do ano anterior e os orzamentos e plans de traballo do seguinte.

As actas de asembleas dos últimos anos poden consultarse na sección transparencia.

Xunta de Goberno

 

Segundo o recollido nos estatutos do colexio, os cargos na Xunta de Goberno escóllense a través dun proceso electoral e o mandato ten unha duración de catro anos. O exercicio destes cargos non é remunerado.
A actual Xunta de Goberno do Ceesg foi elixida nas eleccións que tiveron lugar o 14 de marzo de 2026.

Sonia González Rodríguez

Diplomada e posteriomente Graduada en Educación Social (UDC e UNED). Especialista en Intervención Familiar. Formadora por e para a Educación Social.
Traballadora en SEAF de Arteixo dende hai máis de vinte anos, son unha firme defensora das familias e dos seus dereitos sociais. Feminista e proactiva nos dereitos das familias. Defensora do público como resposta posible e necesaria ó traballo dende e polo comunitario.
“A primeira sorte é onde naces e con quen fas o camiño”

Sonia González Rodríguez

Presidenta, colex. 3402
Iria García Martínez

Educadora Social (UDC 2001-2004) con formación en Terapia Familiar Sistémica, Psicopedagoxía e Psicoloxía. Máster Universitario en Asesoramento e Orientación Familiar. O meu traballo profesional sempre estivo vinculado coa prevención e intervención socioeducativa, especialmente con familias e nenas/nenos e adolescentes. Dende hai uns anos traballo no Concello de Valdoviño como responsable do SEAF e do programa de Igualdade, Diversidades e Prevención de Violencias. Recoñézome no activismo social, na maternidade e no coidado ás persoas.

Iria García Martínez

Secretaria, colex. 3545
Felicidad González Tenreiro

Alén da vocación e titulación en Educación Social, son licenciada en Psicopedagoxía e teño estudos de posgrao e mestrado en orientación educativa e intervención familiar. En constante formación, hai vinte anos iniciei a miña traxectoria nos SEAF dos Servizos Sociais Comunitarios. Porén, os meus primeiros pasos como educadora social están vencellados ao voluntariado e ao ámbito asociativo. O meu percorrido está vinculado ao acompañamento socioeducativo de persoas e grupos en diversos ámbitos, promovendo o seu coidado e benestar.

Felicidad González Tenreiro

Vogal, colex. 177
Noelia Rodríguez Álvarez

Educadora social feminista activista. Da promoción do 96-99 da USC e coa mesma ilusión, gañas e enerxía que o primeiro día. Proactiva, resiliente e amante do traballo en equipo. Experta en igualdade de xénero e en xerontoloxía social e dedicada profesionalmente á docencia para o emprego e á prevención e intervención na violencia de xénero. No ámbito colexial o meu traballo está sobre todo no Cgcees onde formo parte da Xunta de Goberno. Coordino a área de comunicación e a comisión de xénero e diversidade. Por que dicir non, cando podes dicir que si?

Noelia Rodríguez Álvarez

Vogal, colex. 3408
Rocío Núñez Rúa

Educadora Social pola Universidade de Vigo. Máster en Orientación e Mediación Familiar. De Cangas do Morrazo de nacemento e corazón e picheleira por amor e convicción. Traballei durante 13 anos no terceiro sector de acción social, pasei polo sistema de protección de infancia e xuventude e actualmente son funcionaria de carreira educadora social no Concello de Oroso. Como nai e feminista milito e participo en diferentes movementos sociais, sindicais e feministas de Galicia.

Rocío Núñez Rúa

Vicepresidenta, colex. 3867
Laura Fernández Rebollido

Cursei os meus estudos na USC e aos poucos fun descubrindo unha profesión de convivencia, xustiza e feminismo. Experta en educación emocional, comecei o meu labor
profesional en intervención familiar. Pasei a traballar con persoas en situación de extrema vulnerabilidade e actualmente traballo na Administración cunha firme vocación cara ao servizo público. Son unha apaixonada da formación, aprendendo de con quen e para que traballo cada día.

Laura Fernández Rebollido

Vogal, colex. 4797
Vanessa Otero Dios

Educadora social feminista de vocación e de profesión. Traballo con persoas en risco de exclusión e senfogarismos acompañando nos seus procesos de desenvolvemento persoal e comunitario, poñendo o foco na recuperación dos seus dereitos e mellora da sua autonomía persoal.
Facer visible o invisible porque aquilo do que non se fala, semella que non existe.

Vanessa Otero Dios

Vogal, colex. 5585
Chus Segade Conde

Educadora social feminista, da promoción 96-99 da UVigo. A Educación Social é un todo na miña vida diaria, entendéndoa como un medio de transformación social, buscando a igualdade no seu sentido máis amplo e valorando todos os aspectos que nos fan únicos e que enriquecen as comunidades das que podemos formar parte, independentemente do xénero, procedencia, crenzas, economía e status. Tras traballar en distintas institucións, levo anos como Educadora social no SEAF de Melide. Especialista en Intervención Familiar e Mediación, ámbitos predilectos.

Chus Segade Conde

Vogal, colex. 455
Rodrigo Gil Cedillo

Graduado en Educación Social da promoción 2015-2019 da UDC. Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria con especialización en Migracións na mesma universidade. Traballei no ámbito da infancia e mocidade en risco, en atención á poboación en risco de exclusión social e con poboación migrante. Son cofundador da ONG Caguama Instituto de Migracións Ecosociais, a través da cal atendemos as necesidades da poboación migrante na Coruña e contorna. Son activista a favor da Renda Básica e dos dereitos das persoas en situación de exclusión social.

Rodrigo Gil Cedillo

Tesoureiro, colex. 5328
J. Deibe Fernández Simo

Educación social: ciencia e profesión. As estratexias socioeducativas eficaces están fundamentadas nun coñecemento científico que se nutre das boas prácticas recollidas e reflexionadas nun capital teórico patrimonio da profesión. O corpo teórico da Educación Social facilita evidencias coas que defender con orgullo o bo facer profesional. Na Educación Social facemos ciencia e profesión fuxindo da falsa neutralidade que busca domesticar a persoas e sociedades. Nós tomamos partido. Somos indiscutiblemente queer e actuamos fomentando emancipacións que resultan liberadoras.

J. Deibe Fernández Simo

Vogal, colex. 4851
Pilar Ramallal Fernández

Diplomada en Educación Social, licenciada en Pedagoxía, doutoranda en Ciencias da Educación e do Comportamento e terapeuta familiar acreditada. Con experiencia no Sistema de Protección á Infancia, manteño un compromiso firme coa súa defensa, escoita e intereses. En continua aprendizaxe, busco perfeccionarme como educadora social que acompaña, que cría terapeuticamente e que exerce como titora de resiliencia. Actualmente son docente de Formación Profesional, procurando promover unha práctica ética, crítica e centrada nas persoas mozas.

Pilar Ramallal Fernández

Vogal, colex. 4801
Alfonso Tembrás López

Levo máis de 30 anos traballando en programas e accións orientadas a previr e atender ás persoas con problemas relacionados co consumo de drogas.
Paralelamente levo desenvolto diversas responsabilidades no ámbito colexial desde os seus inicios (e antes).
Coordino a Comisión de Ética Benestar do Colexio, participo no Grupo de traballo Miolo e na Comisión de Deontoloxía do CGCEES.

Alfonso Tembrás López

Vogal, colex. 103

Principios

O traballo do Ceesg no actual mandato está sustentado e guiado polos seguintes principios:

  1. A responsabilidade social e reivindicativa na defensa da Educación Social.
  2. Compromiso coa ética e o código deontolóxico da nosa profesión.
  3. A transparencia e a pluralidade.
  4. A participación, o carácter proactivo e propositivo, achegando propostas tecnicamente argumentadas e de valor ético, político e socioeducativo.
  5. O traballo en rede entre profesionais, aberto e colaborador con outras entidades e profesións relacionadas coa intervención social e coa comunidade.
  6. A utilidade e a eficiencia, dando respostas ás demandas e preocupacións das persoas colexiadas e non colexiadas, así como ao resto da cidadanía.
  7. A actualización. Un colexio visible e empoderado.
  8. A horizontalizade, construíndo e transformando en equipo.