Eleccións á Xunta de Goberno do Ceesg

Eleccións á Xunta de Goberno do Ceesg

O Ceesg, un ano máis en Negro contra as Violencias Machistas

O Ceesg, un ano máis en Negro contra as Violencias Machistas

Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa

Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa

Camiña con nós. CAMPAÑA DE COLEXIACIÓN

Camiña con nós. CAMPAÑA DE COLEXIACIÓN

Novas do CEESG

ACTUALIDADE

Preguntas frecuentes sobre as eleccións do Ceesg

A partir de febreiro de 2022 comezará unha nova lexislatura de goberno no Ceesg, cun equipo de persoas (a Xunta de Goberno) que debe ser elixido democraticamente, e que dirixirá o colexio durante os vindeiros catro anos.
A continuación aclaramos as principais dúbidas sobre este proceso:

QUE FAI A XUNTA DE GOBERNO?
A Xunta de Goberno é responsable do funcionamento da entidade, pois é o órgano que toma as decisións estratéxicas e deseña as políticas e liñas de traballo.

ONDE E CANDO SERÁN AS ELECCIÓNS Á XUNTA DE GOBERNO?
O 19 de febreiro de 2022, de 10:00 a 12:00 h.
En Santiago de Compostela, na Casa das Asociacións de Cornes. Rúa Manuel Beiras, 3 - ver localización)

QUEN PODERÁ VOTAR?
Todas as persoas colexiadas que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial de eleccións (25 de novembro de 2021). O censo electoral pode consultarse na sede do Ceesg ou na web.

PÓDESE VOTAR POR CORREO?
Si. Xunto coa notificación de proclamación de candidaturas válidas, recibirás información detallada de como facelo, así como o sobre e papeletas oficiais. Recorda actualizar o teu enderezo postal se cambiaches de domicilio e aínda non o notificaches ao Ceesg.

PODO DELEGAR O MEU VOTO?
Non. A delegación de voto só pode facerse para a participación nas Asembleas colexiais, pero non para as eleccións.

QUEN PODE PRESENTAR CANDIDATURA?
Todas as colexiadas e colexiados que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial das eleccións, excepto para poder optar aos cargos de Presidencia e de Tesourería, casos nos que se esixe, como mínimo, un ano de colexiación.

COMO SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Cada candidatura constará dunha lista pechada e completa cos nomes das candidatas e candidatos, especificando aquelas/es que opten á Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Tesouraría, e dun mínimo de 5 e un máximo de 15 vogais. Poden presentarse ata o día 27 de decembro de 2021 a través dun escrito dirixido á Xunta de Goberno.

CANDO SE COÑECERÁN AS CANDIDATURAS VÁLIDAS?
O 10 de xaneiro de 2022, mediante notificación e publicación no Taboleiro de Anuncios do Ceesg e na web.

QUE PASA SE SÓ SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Mantéñense as eleccións o día e hora fixados. Neste caso, as papeletas recollerán a opción de voto favorable, desfavorable ou en branco. De seren os votos negativos maiores que os positivos, volverase abrir o prazo de presentación de candidaturas e, transcorrido este, se non existisen máis candidaturas, a candidatura primeira será proclamada.

QUEN COMPOÑERÁ A MESA ELECTORAL?
A mesa electoral estará constituída por unha/un presidenta/e, dúas/dous vogais e unha/un secretaria/o, designados por sorteo entre as persoas electoras. Tamén se elixirán 2 suplentes para cada cargo da mesa electoral. Designaranse por sorteo público entre todas as persoas con dereito a voto (excepto as persoas candidatas) O sorteo realizarase o día 19 de xaneiro de 2022 ás 10:00 h. na sede do Ceesg.

COMO SE EFECTUARÁN AS VOTACIÓNS?
Os votos deben efectuarse coas papeletas e sobres oficiais emitidas polo colexio. No momento de votar será necesario identificarse na mesa electoral co carné de colexiada/o ou DNI, e depositar o voto nunha urna precintada.

ONDE PODO ATOPAR TODA A INFORMACIÓN?
Toda a información sobre o proceso electoral regúlase nos estatutos do Ceesg, e está reflexada na convocatoria de eleccións.
A documentación que se vaia xerando relacionada co proceso electoral, publicarase na web do Ceesg, sección ‘Transparencia > Eleccións 2022’


DATAS CLAVE

2021
  • 2 de outubro: Acordo da Xunta de Goberno da celebración de eleccións.
  • 26 de novembro: Envío da convocatoria de eleccións. Publicación do censo.
  • 27 de decembro: Fin do prazo de presentación de candidaturas.
2022
  • 10 de xaneiro: Proclamación de candidaturas válidas.
  • 19 de xaneiro: Sorteo público para a elección de integrantes da mesa electoral.
  • 19 de febreiro: Votación.
Preguntas frecuentes sobre as eleccións do Ceesg
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Docente atención sociosanitaria
  • Orientador/a laboral
  • Orientador/a laboral
  • Docentes

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Novas ofertas de emprego
Listas de peritaxe xudicial 2022

Cada ano, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) elabora unha listaxe de profesionais dispostas/os a actuar como peritas/os. Para este fin, ten aprobado un regulamento específico que foi adaptado recentemente á nova regulación de protección de datos persoais.

A actividade pericial consiste na valoración obxectiva por parte de persoal experto dunha determinada situación ou feito, que pode ser influínte para a decisión xudicial, e pode ser empregado como proba nun xuízo. Este proceso está regulado pola Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil.

As persoas que actúan como peritas/os prestan este servizo por conta propia (non hai contratación laboral co xulgado). Aínda que a formación e experiencia non son requisito para integrarse nesta lista, dende o Ceesg recomendamos ter algunha formación específica na materia e experiencia como educador/a social, pois é fundamental coñecer como funcionan os procedementos xudiciais, as designacións, situacións de incompatibilidade, ter práctica na redacción de informes, etc.

Quen queira solicitar a súa inclusión nas listas de peritaxe, pode facelo cubrindo e enviando ao Ceesg a solicitude a servizos.colexiais@ceesg.gal.

PRAZO ata o 31 de decembro de 2021 (incluído)

Os datos que se faciliten enviaranse a Xulgados e Tribunais, ou facilitaranse ás entidades/persoas que poidan ter interese en contar cos servizos profesionais dunha/dun perita/o de parte.

Listas de peritaxe xudicial 2022
25N, o Ceesg #EnNegro contra as violencias

25 de novembro, Día Internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres.

Sumámonos un ano máis á campaña ‘En Negro contra as violencias’, unha acción colectiva de sensibilización social, animando tamén a que todas e todos vos sumedes á iniciativa vestindo de negro xanelas, balcóns e lugares de traballo.

#ContraAsViolencias #EnNegroContraAsViolencias #ContraAsViolencias #GaliciaEnNegro #EnNegro

Web da campaña

Twitter da campaña

25N, o Ceesg #EnNegro contra as violencias
Recurso contra bases do concello de Fene

O Ceesg vén de presentar un recurso de reposición contra as bases do Concello de Fene para a formación de listas de aspirantes para futuras coberturas como funcionario/a interino/a ou persoal laboral temporal, solicitando o cambio de denominación do posto ‘Técnico/a de intervención Familiar’, para que pase a denominarse ‘Educador/a social’.

Recurso contra bases do concello de Fene
XX Congreso da AIEJI

A AIEJI (International Association of Social Educators) celebrará o seu vindeiro congreso en Lausana – Suiza do 6 ao 9 de setembro de 2022, baixo o título ‘La temporalidad en la acción educativa’.

Na súa web pode consultarse o listado de conferencias confirmadas ata a data, e tamén existe a posibilidade de ofrecer unha proposta de taller/es para impartir no congreso, que será avaliada polo comité científico.

Unha cita a nivel mundial das e dos profesionais da Educación Social.

Ir á web do XXX Congreso da AIEJI

XX Congreso da AIEJI
Formación de postgrao: Intervención desde a Educación Social no sistema educativo

A Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (CGCEES) desenvolven un Programa Formación universitaria sobre a intervención dende a Educación Social no Sistema Educativo.

O Programa ten unha estrutura modular con tres itinerarios, conducentes a titulacións propias da UNED: Experto Universitario (30 créditos ECTS), Especialista Universitario (50 ETCS) e Máster en Investigación e Intervención desde a Educación Social no Sistema Educativo (70 ETCS).

O Programa durará do 17 de xaneiro ao 30 de setembro de 2022.

O prazo de inscrición está aberto ata o 17 de xaneiro de 2022.

Máis información

Formación de postgrao: Intervención desde a Educación Social no sistema educativo
I Congreso Internacional de Educación y Jóvenes en Dificultad Social en Transición a la Vida Adulta. Desconto en inscrición de entidades

O Ceesg participa como entidade colaboradora na difusión do I Congreso Internacional de Educación y Jóvenes en Dificultad Social en Transición a la Vida Adulta, que baixo o lema ‘El camino hacia la plena autonomía y el compromiso social’ se celebrará o día 1 (Madrid) e 2 (Donostia) de decembro 2021, dispoñendo tanto de modalidade online como presencial.

O Congreso ten como principal obxectivo dar respostas innovadoras aos retos que se expón na actualidade a mocidade na súa transición á vida adulta en xeral e, en especial, a aqueles colectivos máis vulnerables. Así, preténdese como fin último contribuír á mellora da acción socioeducativa dirixida a mozas e mozos e, polo tanto, á sociedade en xeral.

Os temas incluídos no programa do Congreso abarcan as principais cuestións que se lle presentan a quen traballa con mozas e mozos na educación actual: avances e resultados de investigación e transferencia de coñecemento sobre adolescencia e mocidade en tránsito á vida adulta/en dificultade social; a formación de profesionais que traballan coa mocidade; o traballo en rede: o rol de universidade, profesionais, entidades e administracións públicas; o proceso de autonomía dos mozos: resiliencia, empoderamento e benestar social.

O Congreso está dirixido a persoal académico, profesionais, estudantes do campo da educación, a educación social, o traballo social, a psicoloxía, o dereito, a socioloxía e outras ciencias sociais, con interese en compartir coñecementos e experiencias sobre este ámbito.

Ver información detallada

NOTA-ACTUALIZACIÓN SOBRE INSCRICIÓNS. 19/10/2021. Segundo nos informa a organización, abriron a posibilidade a aquelas entidades que desexan inscribir a cinco ou máis persoas de abonar un prezo por inscrición de 30€. Para iso débese indicar claramente na inscrición a entidade á que se pertence, no apartado correspondente da web.

I Congreso Internacional de Educación y Jóvenes en Dificultad Social en Transición a la Vida Adulta. Desconto en inscrición de entidades
IX Invernada de cine de Cabreiros

Un ano máis o Ceesg colabora coa Invernada de Cine de Cabreiros, que vai xa pola súa IX edición. Unha iniciativa de carácter cultural promovida pola asociación de veciños desta parroquia xermadesa e a Universidade de Santiago, coa colaboración do Ceesg e financiamento da Deputación de Lugo e o Concello de Xermade.

O Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia encargarase da presentación doa primeira das proxeccións, o vindeiro 23 de outubro. ‘A poeta analfabeta’, baixo a dirección de Sonia Méndez, é o documental que inaugurará a invernada, cunha temática que nos achega á figura de Luz Fandiño, poeta e activista compostelá, nacionalista e feminista que se viu na obriga de emigrar na época franquista pero nunca perdeu de vista Galicia, onde retornou anos máis tarde, rematada a ditadura.

A IX Invernada de Cine de Cabreiros estrutúrase en 6 sesións que se desenvolverán entre o 23 de outubro e o 18 de decembro e que inclúen non só proxeccións audiovisuais, senón tamén outras actividades como un espectáculo de maxia, un monólogo, unha peza teatral e a presentación dun libro.

O aforo está limitado, polo que é necesario anotarse previamente chamando ao 686 104 780 ou 606 282 251.

Máis información no seu perfil de facebook

IX Invernada de cine de Cabreiros
Manifesto do CGCEES polo Día Mundial da Saúde Mental

Polo Dïa Internacional da Saúde Mental, celebrado onte 10 de outubro, o CGCEES, uníndose á loita contra o estigma que padecen as persoas con enfermidade mental enviou unha mensaxe de apoio á sensibilización deste colectivo en positivo, poñendo a mirada na sensibilización socioeducativa. Un proceso construtivo, no que nos acompaña a mirada de educadoras e educadores sociais que traballan para construír convivencia como forma de chegar a ese fin último da educación: o pleno desenvolvemento das persoas.

#EdusoESSaludMental

Ver manifesto

Manifesto do CGCEES polo Día Mundial da Saúde Mental
Achegas á Lei de Inclusión

Un dos acordos acadados na xuntanza mantida o pasado mes de agosto coa Dirección Xeral de Inclusión Social foi que o Ceesg realizaría achegas á modifición da Lei de Inclusión Social.

O documento presentado recolle achegas que defenden a posta en valor do labor realizado polas educadoras e educadores sociais, así como noutras cuestións concretas, como asegurar o cumprimento de prazos, a adecuación de ratios adecuadas para unha intervención socioeducativa eficaz, a protección de datos, proposta de novas liñas especiais de apoio, así como outras propostas de nova implementación.

Achegas á Lei de Inclusión
Comunicado do Ceesg Día Mundial da Saúde Mental (10 outubro)

O vindeiro domingo, 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental. Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, un día e un ano máis, salientamos a importancia de pór ás persoas no centro das políticas públicas: de investir na comunidade, de crear programas e recursos que teñan como obxectivo garantir o benestar da cidadanía en todos os aspectos. Un día e un ano máis, reivindicamos e pedimos ás administracións unha aposta clara no investimento de recursos de calidade destinados á atención en saúde mental.

A raíz desta pandemia mundial, mais partindo dunha problematica que vén de lonxe, observamos como crece a demanda do número de persoas que precisan atención en saúde mental, non así os recursos humanos para dar resposta a estas necesidades. Vémolo na rúa, nos medios, na rede. Urxe investir en recursos destinados a este ámbito.

Falta reforzar a Educación Social en centros educativos para a prevención do acoso escolar, educación para a saúde, prevención de adiccións, educación afectivo sexual, habilidades sociais e outras. Falta reforzar a atención primaria con profesionais que permitan que nos anticipemos e que traballemos coa cidadanía para a adquisición de ferramentas que lles permitan xestionar as súas emocións, a súa vida. Falta reforzar os dispositivos de Saúde Mental e de adiccións para que a maior parte da poboación teña unha atención de calidade baseada na resposta ás súas necesidades, sen listas de espera interminables, cun aborde integral sobre súa problemática, dende a cercanía. Falta crer na importancia de apostar pola saúde mental das persoas.

E, si: falta inversión e compromiso por parte de todas as administracións públicas, mais sobran ganas e a vontade das profesionais dispostas e preparadas para abordar as numerosas demandas sociais neste aspecto.

En Galicia somos moitas as educadoras sociais que traballamos en equipos multidisciplinares en recursos de Saúde Mental e adicións e concordamos na importancia e na necesidade de ser escoitadas de cara ó mantemento dunha rede sólida de atención a cidadanía. A Consellería de Sanidade ten a sorte de contar no país con diversas profesionais preparadas e con experiencia á súa disposición para poder levalo a cabo. Agora só falta que empregue estes recursos. Que nos escoite. Que aposte por unha rede que existe e que é de vital importancia que reforce. O diálogo e o encontro entre as institucións e os profesionais sociosanitarios é clave para coidar e favorecer o benestar da cidadanía. Escoitémola e invistamos nela.

Comunicado do Ceesg Día Mundial da Saúde Mental (10 outubro)
Resultados do 7º Concurso TFG.eduso

O Concurso TFG.eduso premia os mellores traballos de fin de grao de Educación Social presentados en galego nas universidades galegas.
Nesta sétima edición valoráronse os TFG dos cursos 18/19 e 19/20, cun total de 5 e 14 traballos presentados a concurso respectivamente.

O fallo do xurado é o seguinte:

CURSO 18/19

Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESTENDIDA:
  • Título: Adolescentes e ocio: análise cualitativa en medidas xudiciais en medio aberto nos CIEMA de Galicia.
  • Autor: Xesús Martínez Fernández.
  • Titora: María Dapía Conde (Universidade de Vigo)
Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESCONDIDA:
  • Título: Renda Básica e Educación Social: cara un novo paradigma nos servizos sociais.
  • Autor: Rodrigo Gil Cedillo.
  • Titora: María Dolores Candedo Gunturiz (Universidade da Coruña)
MENCIÓN ESPECIAL
  • Título: A prensa proxeneta en Galicia. Unha análise dos anuncios de prostitución dende a Educación Social.
  • Autora: Ana Pousada Gómez.
  • Titora: María Lameiras Fernández (Universidade de Vigo)

—-
CURSO 19/20

Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESTENDIDA
  • Título: A xestión cultural no eido local galego: as funcións do educador/a social.
  • Autor: Alejandro Ventura Amado.
  • Titora: María Barba Núñez (Universidade da Coruña)
Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESCONDIDA:
  • Título: Porno e educación afectivo-sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación social.
  • Autora: Noelia Moreau Castro.
  • Titora: María del Carmen Gutiérrez Moar (Universidade de Santiago de Compostela)
MENCIÓN ESPECIAL
  • Título: A vellez máis alá da heteronorma: Un estudo cualitativo sobre a formación, coñecementos, actitudes e percepcións dos/as profesionais de centros para maiores.
  • Autora: Nazaret Blanco Pardo.
  • Titora: María Victoria Carrera Fernández (Universidade de Vigo)

Parabéns ás persoas gañadoras!!

Queremos agradecer a súa participación a todas e todos os participantes que presentaron os seus traballos ao concurso, así como ao xurado, que fixeron posible levar a cabo esta iniciativa. Nesta convocatoria, o xurado estivo integrado por:

  • María Díaz de Robles Badía, profesora da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED)
  • Jesús Deibe Fernández Simo, profesor da Universidade de Vigo.
  • Luisa Losada Puente, profesora da Universidade da Coruña.
  • Germán Vargas Callejas, profesor da Universidade de Santiago.
  • Pilar Ramallal Fernández, vogal do Ceesg.


Actualmente continúa aberto o prazo, ata o 15 de novembro, da 8ª edición do concurso, para traballos presentados no curso 20/21.

Nos seguintes enlaces está dispoñible un resumo de cada un dos traballos, que se recollerán de xeito completo nunha publicación que editará o Ceesg.

Resultados do 7º Concurso TFG.eduso
Día Internacional da Educación Social 2021. Manifesto CGCEES

30 anos de implantación do título de Educación Social, 30 anos sen regulación profesional.

Neste Día Internacional da Educación Social, o Consejo General de Colegios Oficiales de Educadoras y Educadores Sociales pon o foco no 30 aniversario do título universitario polo que accedemos, ou deberiamos acceder como o resto das profesións do noso país, aos postos de traballo de Educador e Educadora Social.

Feliz #EDUSODAY2021

Ver manifesto do CGCEES

Para visibilizar nas redes sociais a importancia e necesidade desta profesión, o CGCEES tamén creou o hashtag #EDUSODAY2021. Esperamos as túas achegas!

#EDUSODAY2021

Día Internacional da Educación Social 2021. Manifesto CGCEES
Celebración e reivindicación en Ourense, como celebración do DIES

Grazas a todas e a todos os que no día de onte nos acompañastes no Parque de San Lázaro de Ourense para visibilizar a Educación Social na celebración do Día Internacional da Educación Social.

Foi unha xornada de celebración e reivindicación, na que tivemos a sorte de contar coa colaboración da Facultade de Ciencias de Educación e Traballo Social e co seu alumnado, que se encargou non só da redacción e lectura do manifesto e da posta en escea dunha performance, senón tamén de que toda a programación resultase un éxito tanto de participación como de resultados. Vaia tamén o noso agradecemento ao profesorado que colaborou e que se achegou á carpa informativa, así como ás colexiadas e colexiados que tamén pasastes por alí.

Quen non puidese achegarse ata alí, ten unha boa mostra desta festa da Educación Social nas nosas redes sociais.

Recordamos que a celebración do DIES 2021 non remata aquí. O propio día 2 de outubro, a través das nosas redes, darase a coñecer o resultado do 7º Concurso TFG.eduso e inauguramos o #EdusoMes.

Celebración e reivindicación en Ourense, como celebración do DIES
Reclamamos o recoñecemento da profesión na xuntanza coa concelleira de servizos sociais de Ourense

No día de onte mantivemos unha xuntanza coa Concelleira de Servizos sociais do Concello de Ourense, dona Eugenia Díaz Abella, no que trasladamos as demandas de recoñecemento da profesión de Educación Social no concello, no que se comprometeu á revisión da Relación de Postos de Traballo e á modificación de criterios de admisión en vindeiras convocatorias.


Reclamamos o recoñecemento da profesión na xuntanza coa concelleira de servizos sociais de Ourense
Manifesto día da educación social 2021

No #edusoday2021 queremos facer visible a importancia que para a sociedade Ourensá ten a educación social. No ano 1991 botou a andar a Diplomatura en Educación Social no sistema universitario español. Xurdiu da resposta á necesidade de creación dunha figura profesional especializada no acompañamento socioeducativo. Ata ese momento foron profesionais con formacións moi diversas quenes foron atendendo unha demanda social que cos anos se fixo máis intensa. No ano 1995 empezou a impartirse no Campus de Ourense a Diplomatura en Educación Social. Na actualidade continúa sendo un grao. Nestes anos formáronse en Ourense unhas 1600 figuras profesionais da educación social. Actualmente contamos con profesionais especializadas en Concellos, Recursos de Protección á Infancia, Centros de Atención a Persoas Maiores, Programas de apoio a persoas en dificultade social etc.

As educadoras e educadores sociais estamos acompañando ás persoas máis vulnerables, fomentando procesos de empoderamento e facilitando espazos de seguridade persoal dende os que superar a situación de dificultade social. A ilusión e a implicación profesional posibilitou a elaboración de complexas estratexias de intervención socioeducativa. Actualmente a educación social conta con un rico corpo teórico dende o que poder afrontar as complexas realidades nas que traballamos. Aeducación social transitou da improvisación dos anos 90 a contar no día de hoxe con unha base de coñecemento científico que favorece a eficacia nas intervencións.

Nas últimas décadas, os avances na práctica profesional en educación social foron significativas, pero non todas as administracións son conscientes da importancia de contar con persoal con coñecementos especializados. Denunciamos que o Concello de Ourense está a publicar convocatorias de acceso a postos específicos da educación social nos que que dispor da Diplomatura e/ou o Grao en educación social non é un requisito. Por este motivo, preguntámonos si o Alcalde de Ourense coñece as consecuencias que ten para as persoas vulnerables ser acompañadas por persoal non especializado. Non entendemos como nunha cidade na que se forman Educadores/as sociais o concello non valore a calidade das ensinanzas impartidas no campus de Ourense. Actualmente está fomentando o intrusismo laboral, amosando un descoñecemento absoluto dos contextos de intervención socioeducativa. A situación vese agravada polas consecuencias da pandemia que estamos a vivir. O Concello de Ourense precisa activar recursos de acompañamento socioeducativo que apoien a colectivos en dificultade e
posibiliten a familias e a adolescentes contar con apoio especializado. Solicitamos que o Concello de Ourense active convocatorias de persoal nas que se esixa coñecemento especializado para o acceso ao posto de educador/a social.

O sentido común di que queremos uns servizos públicos eficaces que garantan o dereito da cidadanía á educación social. Tendo a profesionais especializados como é posible que se renuncie a esa especialización e se pretenda contratar a persoas sen os coñecementos precisos?.

Por unha sociedade máis equitativa e xusta. Por moita educación social en Ourense e en Galicia.

Feliz #DIES2021 #edusoday2021

Grazas.

Manifesto día da educación social 2021
Convocatoria de probas CODIX

No DOG do 23 de setembro publícase a resolución da AMTEGA pola que se convocan probas de avaliación de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX).

Pode participar nesta proba toda persoa maior de 16 anos, inscrita como usuaria da rede CeMIT.

CONTIDOS DA PROBA:

  • O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións.
  • A rede CeMIT ten publicados na súa plataforma de teleformación os materiais formativos que forman parte do curso CODIX baixo a modalidade de Autoformación como material de apoio para a preparación destas probas.

LUGAR DAS PROBAS:

  • As probas de avaliación terán lugar nas dependencias das aulas CeMIT (consultar aquí)

SOLICITUDES DE PARTICIPACIÓN:

  • Inscrición na páxina web de CeMIT.
  • Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT.
  • Prazo de inscrición do 24 ao 30 de setembro.
  • Só se pode facer inscrición nunha localidade, día e hora; o incumprimento deste punto supoñerá a exclusión da persoa de todas as localidades nas que estea inscrita.
  • Rematado o prazo de inscrición, realizarase un sorteo para establecer a orde de prelación das persoas con dereito á matriculación e publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da rede CeMIT, así como a listaxe de reservas e de excluídas.

Consulta aquí a resolución completa

Tamén é de interese o DECRETO 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, publicado no DOG o pasado 20 de setembro. Sinala, entre outras cuestións, que a acreditación da certificación dentro do Marco galego de competencias dixitais poderán valorarse como mérito ou establecerse como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal en procesos de emprego público.

Convocatoria de probas CODIX
Día Internacional da Educación Social 2021. Celebramos 20 anos en valor

Cada 2 de outubro celébrase o Día Internacional da Educación Social. Un día importante para a profesión, que dende o Ceesg enfocamos en poñer en valor a Educación Social, en dala a coñecer. É algo que vimos facendo todo o ano, pero que cobra un sentido especial nesta data, na que levamos a cabo iniciativas para divulgación do noso labor.

29 de setembro. Festexamos en Ourense o Día Internacional da Educación Social

Ourense é o escenario escollido para levar a cabo un completo programa, que desenvolveremos coa colaboración da Facultade de Educación do Campus de Ourense, do seu alumnado e profesorado. Ver detalles (Atención! Cambio de ubicación: será na parte de arriba do Parque de San Lázaro)

Premios 7º TFG.eduso

O 2 de outubro farase público na web www.ceesg.gal o resultado do 7º Concurso TFG.eduso, que premiará os mellores traballos de fin de grao de Educación Social das universidades galegas dos cursos 2018/2019 e 2019/2020.

#EdusoMes

Ao longo do mes de outubro publicaremos nas nosas redes sociais breves vídeos de colexiadas e colexiados con diferentes perfís profesionais, que compartirán coa comunidade colexial as súas opinións sobre a Educación Social.

Iniciativas CGCEES

Como entidade membro do Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales, sumarémonos ás iniciativas que este propoña para visibilizar a profesión e reivindicar o seu papel fundamental na sociedade.

Esperámosvos en Ourense, e nas redes!

Educación Social en Galicia. 20 anos en valor

Día Internacional da Educación Social 2021. Celebramos 20 anos en valor
29 de setembro. Festexamos en Ourense o Día Internacional da Educación Social

Con motivo do Día Internacional da Educación Social (2 de outubro), neste 2021, dentro dos actos previstos para celebrar esta data especial, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) sae ás rúas da cidade de Ourense para visibilizar a Educación Social a través do que mellor sabemos facer: estar ó carón das persoas, nas rúas, nas súas vidas… cun programa de actos aberto á participación de profesionais, alumnado da titulación e veciñanza da cidade.

Será o vindeiro mércores 29 de setembro.

Debido á organización deste evento, este día non haberá atención ao público na sede do Ceesg.

Atención!! Cambio de ubicación. Os actos terán lugar na parte de arriba do PARQUE DE SAN LÁZARO.

29 de setembro. Festexamos en Ourense o Día Internacional da Educación Social

Por que colexiarse?

Colexiarse significa participar do esforzo colectivo na loita pola dignificación, recoñecemento e regulación da Educación Social.

logo representativo